Saltar ao contido principal

SEMANA DO AMOR: cara ao día de San Valentín (día 3º)


FLORES, CORAZÓNS E PIROPOS NO NOSO IES!

Como cada ano, estanse celebrando esta semana no centro dous dos nosos eventos máis amorosos. Un deles é o xa tradicional agasallo de flores ou corazóns coa finalidade de axudar economicamente aos rapaces de 1º de Bacharelato na súa viaxe cultural a Madrid. Xa sabedes, nos recreos estes alumnos, siareiros da nosa biblio, esperan que vaiamos escribir unha mensaxe de amizade ou amor nun dos corazóns de cartulina que alí nos venden por 0'50 €. Tamén podemos encargar unha flor por 1 €. Chegado o venres eles encargaranse de repartilos entre os afortunados/-as que teñen un amigo/-a ou un namorado/-a que se lembrou del/dela. Se queres que alguén especial reciba o teu regalo, aínda estás a tempo.


O outro evento amoroso que vimos de celebrar depende do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística. É o concurso de piropos. Acaba de saír o fallo do xurado. Velaí tedes o gañador, de Andrea Fernández Ponce, de 2º ESO B, e algúns outros destacados:

"Os paxaros piden comida,
os presos, liberdade;
e eu, meu amor, que nunca deixes de amarme."

"Quen fose bizco para verte dúas veces!"

"Cando miro o ceo, vexo as estrelas;
cando te miro a ti, non necesito velas."

"Aínda que os meus ollos deixasen de verte,
o meu corazón non deixaría de quererte."

"Como me gustaría ser un abellón
para correr detrás túa
e picarche o corazón!"

"Os teus ollos son dous ladróns,
o primeiro rouba vidas
e o segundo, corazóns."

"As vinte e catro horas do día repartinas así:
dez horas soñando contigo
e catorce pensando en ti."

"Pedirlle á miña cabeza que deixe de pensar en ti
é como pedirlle ao meu corazón que deixe de latir."

"Naveguei rumbo a América e, na viaxe, afundín;
pero… as sereas que atopei, ningunha era coma ti."

"Se amas a Deus porque morreu por tanta xente,
por que non me amas a min que morro por ti, soamente."

"Ti es a coca-cola,
eu son o xeo;
cando ti me topas,
eu, xa me derreto."

"A idade de xubilación chegará ata os 67
pero… que me importa a min
se o amor que sinto por ti
é de 10 multiplicado por 7."

"Se eu fose vampiro e bebese sangue,
roería no teu pescozo ata que rebentase."

"Soña o ceo coas estrelas,
soña a auga co río,
soñan os anxos con deus
e o meu corazón, contigo."

"Para saír da crise, baixan os soldos e as pensións;
a min para saír dela, bástame co teu corazón."

"Xogando coa auga, molleime;
xogando co barro, mancheime;
xogando contigo, namoreime."

"Se ti foses sol e eu, terra;
queimaríasme coa túa beleza."

"Conta todas as estrelas do ceo e multiplícaas por quince,
se che parecen moitas, eu quérote o triple."

"Non necesito a ninguén máis cando estou ao teu carón,
se non me cres, escoita o meu corazón."

Publicacións populares deste blog

Vive connosco nun "liber amoenus"

Estamos de estreo . Andamos poñendo en marcha o primeiro club de lectura do Vilar Ponte. Xa ten nome, liber amoenus , xa ten membros anotados, de 4º e 1º de Bac, e xa ten blog. E como empezamos ambiciosos, imos comenzar uníndonos ao IES de Foz na lectura dun clásico de tódolos tempos, Asesinato en el Orient Express de Agatha Christie . Primeiro faremos unha reunión no noso centro para comentar a obra e logo unha reunión conxunta a través de vídeo-conferencia, dependendo dos medios do Concello. Tedes o enlace ao blog de liber amoenus na columna do centro. Alí iremos poñendo máis información. Esperamos contar cada vez con máis membros e poder facer grupos doutros cursos. Animádevos!

17 de maio - Día das Letras Galegas 2025

 Bo día a todas e todos! Hoxe vimos contarvos o que fixemos o venres pasado, en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega para celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas . Ao longo da mañá, o alumnado e algúns profes tiveron que completar o mural que deseñou Sara dende Dinamización, e viñeron por grupos con moita ilusión a aportar o seu graniño de area, cada un cun adhesivo para formar o mural. Este adhesivo, colocado nas súas mesas previamente, ía acompañado das instrucións de como utilizalo e duns versos de diferentes coplas tradicionais que algúns se animaron a recitar a viva voz. Ademáis deste mural tan chulo formado por todos e cada un dos alumnos e alumnas que forman parte do centro, parte do equipo de biblio, de Dinamización e ata a conserxe María, moi ben rodeadas dun grupo de alumnas, honramos á música e á tradición oral que se celebra neste día facendo de cantareiras durante o recreo, cantando temas tan coñecidos como Catro vellos mariñeiros . Foi un día...

19 de xuño - Xincana de final de curso

 Bo día a todas e todos! Como xa sabedes, a semana pasada estivo ben cargadiña de actividades. O xoves, dende o equipo de biblioteca, preparamos unha xincana para todo o centro, na que participaron rapaces e rapazas dende 1º ata 4º da ESO.  O alumnado podía apuntar aos seus equipos para pasar as 12 probas coas que contaba esta xincana. Doce probas que estaban repartidas por todo o patio do centro, a cafetería, a biblioteca e algunha clase. A participación foi moi alta e houbo moitísima enerxía e risas por todas partes, especialmente nas carreiras de sacos! Sudouse moito, pero imos de vacacións xa liberadas e liberados de toda a tensión acumulada do curso. Ata a próxima!