Saltar ao contido principal

Publicacións

21 de marzo: DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Estade atentos. Á volta das vacacións de Semana Santa teremos preparada a exposición que elaborou o grupo de 1º ESO D para lembrar que o 21 de marzo é o Día da Poesía . Esta actividade inscríbese nunha moito máis grande organizada polas bibliotecas escolares dos centros de Viveiro e de Xove, que leva por nome UNHA PRIMAVERA DE POEMAS . Axiña veredes polo ies as nosas especiais "abellas" anunciando a primavera cun poema.

21 de febreiro: Día Internacional do Idioma Materno

No ano 1999 a Conferencia Xeral da UNESCO proclama o 21 de febreiro como "Día Internacional do Idioma Materno". Co gallo desta conmemoración, na sala de lectura do edificio II do noso centro tivo lugar unha pequena recitación de poemas nas distintas linguas maternas dalgúns dos nosos alumnos, apoiados polos auxiliares de conversa que neste curso nos acompañan. Estes foron os textos escollidos: Drew (auxiliar de conversa de inglés): Strange Restaurant. Judit (auxiliar de conversa de francés): La nuit. Adrián López e Ángela Martínez Sarmentero leron en francés Paris, reine du monde . India Stainton , en inglés, Las montañas de Inglaterra. Nastia Shmidt , en ruso, Sentimientos. Cintia Barría , en portugués, Amor de madre por su hijo. Emanuel Mihai , en rumano, Pajaritos dormilones. Brais González , en galego, Chanchanhuí . Elena Insua , Andrea Fernández e Gerardo Veiga , en español, A Margarita Debayle . E velaquí tedes a presentación que fixo...

8 de marzo: Día da muller

O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Grazas ao estupendo traballo do alumnado de PDC do IES Frei Martín Sarmiento, podemos coñecer algo máis sobre algunhas das mulleres galegas de prestixo. Co noso agradecemento e parabéns, compartimos o seu espléndido traballo, que, unha vez máis, demostra a xenerosidade que hai entre as bibliotecas escolares de Galicia.   Mulleres galegas from ies frei martin sarmiento on Vimeo .

Rosalía 150

A Biblioteca e EDNL  do IES Vilar Ponte   no día de Rosalía de Castro  

24 de febreiro: Día de Rosalía

Este ano o Día de Rosalía celebrámolo co 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos . Co gallo desta conmemoración moitas das bibliotecas escolares de Galicia traballaron arreo na lembranza da autora e da súa obra. Grazas á unha xenerosidade inmensa co seu traballo podemos compartir as súas presentacións: Grazas ao CPI de San Sadurniño. Grazas ao CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei

Como buscar na rede?

Co noso inmenso agradecemento a Charo Sánchez-Gabriel e a Olga Rodríguez Díaz, sempre xenerosas co seu traballo:

O documental "Home" comentado

Yann Arthus-Bertrand trata de concienciarnos da evolución catastrófica do clima no noso planeta a través do documental Home. Unha alumna de 1º da ESO, Marta Pérez, ofrécenos un brilante comentario sobre o mesmo: O documental “Home” representa o avance do noso planeta dende os orixes ata a actualidade, a evolución do ser humano, a súa maneira de conquistar e modificar extremadamente a paisaxe, provocando, simultaneamente, graves consecuencias, que nos afectan a todos. Dende os comenzos da vida, as archibacterias, ata as inxentes cidades de rañaceos e illas artificiais recentemente construidas. O afán do ser humano por conseguir enerxía das fontes de enerxía non renovables, ou “bolsas de sol”, modifica o planeta, perxudica, contamina, altera, elimina. Constantemente, “Home”, recórdanos que o diñeiro e os gobernos dominan o mundo. Mentres millóns de persoas morren de fame, outros millóns viven por enriba dos seus límites. A poboación mundial medra, multiplícase. O...

Unha escritora de Literatura Infantil e Xuvenil na Real Academia Galega

A  RAG  (Real Academia Galega) acaba de  elixir  a  Fina Casalderrey  como  académica numeraria .  Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas). Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

Día do Libro 2012 co agasallo de Agustín Fernández Paz:"Os ríos da vida"

"Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas. Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desesperode sentirse só...

Centenario a inauguración e afundimento do Titanic

Como todo o mundo sabe a través do cine, o Titanic foi, no seu tempo, o barco de pasaxeiros máis grande e máis luxoso do mundo. A súa viaxe inaugural inciouse o 10 de abril de hai 100 anos desde Southampton (Inglaterra) con destino a Cherburgo, Queenstown e finalmente a Nova York. Sen embargo, catro días máis tarde, ás 23:40 horas do 14 de abril, o buque bateu cun iceberg ao sur das costas de Terranova, a afundiu ás 2:20 da mañá do 15 de abril. Partiu cara a Nova York con 2.227 persoas e rematou a súa singladura coa morte de 1.517 persoas, sendo daquela o peor desastre marítimo en tempo de paz.

Un premio para un dos nosos siareiros

O pasado 8 de marzo, un dos nosos siareiros, Eugenio Martínez Canay foi galardonado co primeiro premio do certame de narrativa xuvenil "Entre iguais" do Concello de Lugo, na categoría de 12 a 14 anos. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presidiron o acto en conmemoración do Día Internacional da Muller, no que se fixeron entrega dos premios. Noraboa, Eugenio!

As mellores películas sobre educación

Romanorum Vita

Romanorum Vita. Una historia de Roma é unha exposición itinerante que nos leva a pasear por unha rúa e visitar unha domus do Imperio Romano na época imperial (século I d.C.) organizada pola Obra Social "la Caixa". Desde o 8 de febreiro ata o 28 de marzo este proxecto permítenos coñecer en Lugo , na praza Horto do Seminario, a vida cotiá dos habitantes dunha cidade pouco antes da destrucción de Pompeia. Se queres facer a visita virtual á exposición clica en info+

Antoni Tàpies i Puig (Barcelona 13 decembro 1923-6 febreiro 2012)

Tàpies naceu en Barcelona no ano 1923 e morreu o pasado 6 de febreiro deste recén estreado 2012. Déixanos un gran pintor, escultor e un indiscutible teórico da arte española. Considerado como un dos máis destacados artistas do século XX, é asímesmo un dos principais expoñentes a nivel mundial do informalismo. O informalismo é un movemento pictórico que abarca tendencias abstractas e xestuais que se desenvolveron en Francia e no resto de Europa despois da IIª Guerra Mundial en paralelo co Expresionismo Abstracto estadounidense. Antoni Tàpies era de formación autodidacta, creou un estilo propio dentro da arte de vangarda do século XX combinando tradición e innovación dentro dun estilo abstracto pero simbólico dando relevancia ao sustrato material da obra. Tiña especial interés pola materia, a terra, o po, os átomos e as partículas e gustaba de utilizar materiais alleos á expresión plástica academicista, nos referimos ás pinturas matéricas, incluíndo nelas todo o sentido espiritual da súa...

Apadriñamento de lectores

O pasado 25 de xaneiro algúns dos siareiros da nosa biblio actuaron como padriños dos rapaces de 4º de Primaria dos nosos veciños do CEP Loís Tobío . Os padriños - Rebeca Macía Trampral, Antía Eijo Mejuto, Manuel Lago Berdeal, Andrés Díaz Gómez e Carla Míguez Ríos- leron pequenos relatos de Cousas de Castelao aos seus afillados. Recibíronnos con tanto agarimo e expectación que xa temos ganas de repetir. Alumnos de 4º A cos seus padriños: Alumnos de 4º B cos seus padriños: Alumnos de 4º C cos seus padriños: Aquí tedes toda a experiencia en fotografías: Podedes ver tamén o blog da biblio do Lois Tobío

The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore

Unha vez máis tomamos dun blog que admiramos moito unha curta preciosa. Grazas, Trafegando Ronseis

25 de novembro: todos contra a violencia de xénero