A escritora Antía Yáñez, natural de Burela (1991), vén de gañar o Premio Raíña Lupa 2025 da Deputación da Coruña pola súa obra Bragakadabra, unha historia chea de humor, maxia e reflexión social.
Recoñecida xa como unha das voces máis prometedoras da narrativa galega, Antía destacou dende o seu debut con Senlleiras (Premio Illa Nova 2018), e continuou cunha traxectoria sólida e diversa, con títulos como Non penses nun elefante rosa, O misterio de Portomarín ou Be Water, my friend.
En Bragakadabra, a autora volve combinar fantasía e compromiso social, convidando a ler, rir e pensar. Defensora da lingua e da cultura galega, Antía Yáñez continúa a escribir dende Galicia con orgullo e talento, construíndo un camiño que inspira ás novas xeracións lectoras.
Dende a Biblioteca do IES Vilar Ponte, celebramos este merecido recoñecemento e animamos a descubrir a súa obra, tan próxima e tan universal ao tempo.