O Día das Escritoras é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritoras e Escritores (ACE) e oCentro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 16 de outubro. A X Edición celébrase este ano 2025 o 13 de outubro baixo o lema "1975: Escribide, compañeiras!!".
"As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo".
Anna Caballé, comisaria de la X edición del Día de las Escritoras
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
Na selección de textos en galego a transcrición dos distintos fragmentos decidiuse manter a ortografía da escrita orixinal previa ás convencións derivadas das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego de 1983. Alén de ser unha mostra da literatura do momento, é tamén un reflexo das dificultades que comportaba escribir nunha lingua que carecía dunhas normas ortográficas e morfolóxicas estables.
Vaia con esta escolma o noso agradecemento e recoñecemento a estas dez autoras, mulleres que nos anos 70 publicaron en galego, pola súa obra e o seu compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura.
SELECCIÓN DE TEXTOS EN GALEGO (Colaboración de Amelia Outeiro, Alexandra Cabana, Pilar Sampedro e Eduard Velasco)
Exposición “Escribide, compañeiras!” na biblioteca do IES Vilar Ponte
Con motivo da X edición do Día das Escritoras, a biblioteca do IES Vilar Ponte quere sumarse á celebración cunha pequena exposición dedicada ás autoras galegas que deron voz a toda unha xeración.
Na mostra pódense ver obras orixinais destas escritoras, acompañadas dunha selección de textos proposta desde Bibliotecas Escolares de Galicia, que nos permite achegarnos ao seu pensamento, á súa lingua e ao espírito de cambio que marcaron aqueles anos.
O obxectivo é dar visibilidade ao traballo das mulleres na literatura galega e lembrar o papel que tiveron —e seguen a ter— na construción da nosa cultura.
Ademais, animamos ao alumnado a participar activamente, engadindo na exposición os nomes doutras autoras que lles resulten inspiradoras, ben galegas ou doutras linguas. Deste xeito, a mostra medrará coas súas achegas e converterase nun espazo vivo e compartido, aberto a novas voces e descubrimentos.
Unha oportunidade para deterse un intre, ler, reflexionar e recoñecer o valor das palabras escritas por tantas mulleres que abriron camiño.