O Samaín é unha das tradicións máis antigas da nosa cultura. Herdeiro das celebracións celtas coas que se despedía o verán e se daba a benvida ao inverno, este tempo simboliza o paso entre dous mundos: o dos vivos e o dos espíritos. Fogares, vilas e escolas énchense de luces, cabazas e historias misteriosas que manteñen viva a nosa memoria colectiva.
No IES Vilar Ponte, quixemos celebrar o Samaín dende a Biblioteca Escolar, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convertendo o centro nun espazo de creación, misterio e lectura compartida a través das seguintes actividades:
- Decoración da Biblioteca por parte do alumnado de 3º ESO C.
- Concurso de microrrelatos de terror para todo o alumnado da ESO.
- Xincana de Samaín para o alumnado de 1º da ESO
- Concurso de portas terroríficas dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO.
📖 As palabras tamén poden dar medo
O Concurso de Microrrelatos de Terror invitou ao alumnado a deixar voar a súa imaxinación máis escura e poñer en xogo o seu talento literario. Historias breves, intensas e cheas de suspense fixeron tremer ao xurado, que destacou a orixinalidade dos textos presentados.
As gañadoras foron Lucía Fernández Bermúdez (3º ESO C), co relato “A Santa Compaña en Viveiro”, e Emma Jaramillo (2º ESO C), con “La llamada”. Dúas propostas cheas de misterio e creatividade que nos lembran que o medo tamén pode escribirse dende o instituto.
O premio foi entregado por voluntarias da Biblioteca.
🗝️ A gincana do Samaín
O alumnado de 1º da ESO viviu unha mañá chea de enigmas, portas secretas e carreiras contrarreloxo na Gincana de Samaín, organizada pola biblioteca coa colaboración do voluntariado da mesma.
Foi unha actividade chea de humor, complicidade e traballo en equipo, na que se mesturaron o xogo, a lectura e a imaxinación.
Agradecer aos voluntarios da biblioteca polo seu traballo, adicación, creatividade e enorme axuda nesta actividade.
| Voluntariado da Biblioteca 2025 |
🚪 Portas que dan medo… de verdade
Os grupos de 1º e 2º da ESO participaron tamén no Concurso de Portas Terroríficas, enchendo os corredores de bruxas, pantasmas e escenarios de auténtico pesadelo.
As propostas debían inspirarse en lendas da nosa contorna, e o alumnado sorprendeu co seu traballo de investigación: descubriron historias que moitos de nós nin coñeciamos, recuperando parte do noso patrimonio máis misterioso.
O nivel foi altísimo e o xurado tivo difícil escoller, pero finalmente o premio recaeu en 2º ESO A, pola súa creatividade e posta en escea tan arrepiantemente convincente.
📚 Unha biblioteca terrorífica
Durante a semana, o alumnado de 3º ESO C colaborou na decoración da biblioteca, que se encheu de arañeiras, velas, libros misteriosos e calaveras realizadas polo alumnado de 1º da ESO. Ademais, prepararon unha exposición de recomendacións lectoras de misterio, medo e suspense, para que quen o desexase puidese levar un título “aterrador” para casa.
Dende a Biblioteca do IES Vilar Ponte, queremos dar o noso máis sincero agradecemento a todo o alumnado participante, ao profesorado colaborador e, especialmente, ao voluntariado da biblioteca, polo seu entusiasmo e adicación.