Cada 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data que naceu en España en 1997 por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. A conmemoración xurdiu para lembrar a destrución da Biblioteca de Sarajevo durante a guerra dos Balcáns e reivindicar o papel das bibliotecas como espazos de encontro, cultura, liberdade e paz.
As bibliotecas son moito máis ca lugares cheos de libros: son refuxios para a mente, portas a novos mundos e un punto de unión entre persoas e coñecementos.
Actividade co alumnado de 1º da ESO A
Con motivo desta celebración, o pasado xoves 24 de outubro, recibimos ao grupo de 1º da ESO A nunha xornada de formación de novos usuarios da biblioteca.
Durante a actividade, o alumnado participou nun xogo de sete probas deseñado para coñecer mellor o espazo, aprender a localizar libros e disfrutar dos diferentes recunchos da biblioteca. Entre as probas, tiveron que buscar títulos concretos, adiviñar personaxes de novela e representar pequenas escenas teatrais, todo cun ambiente de colaboración e moita diversión.
Foi unha mañá chea de curiosidade, risas e descubrimentos, que serviu para perderlle a vergoña ao espazo e comezar a facer da biblioteca un lugar propio.
As bibliotecas máis fermosas do mundo
Para seguir celebrando este día tan especial, deixámosvos tamén un artigo no que viaxamos polas bibliotecas máis fermosas do mundo. Espazos que inspiran, fascinan e nos recordan que o saber tamén pode habitar en auténticas obras de arte:
- Biblioteca de Praga (República Checa) – De estilo barroco, con frescos e mobles tallados, é unha das máis impresionantes de Europa.
- Trinity College (Dublín, Irlanda) – O seu salón principal, o Long Room, é un lugar máxico para os amantes dos libros.
- Biblioteca de Admont (Austria) – Co seu estilo rococó e frescos luminosos, parece un soño de papel e mármore.
- Biblioteca Nacional de París (Francia) – Un símbolo da elegancia e do coñecemento, onde pasado e modernidade se atopan.
- Biblioteca Vasconcelos (Cidade de México) – Unha xigantesca estrutura de vidro e aceiro coñecida como “a Megabiblioteca”.
- Biblioteca Pública de Stuttgart (Alemaña) – Minimalista e branca, un templo contemporáneo da lectura e a luz.
Se queres descubrir máis, podes mergullarte nestes enlaces:
As bibliotecas máis fermosas do mundo segundo National Geographic
10 bibliotecas espectaculares para visitar algunha vez na vida – Traveler